Sunday 12 de May de 2024

Preto dun cento de persoas acuden á primeira visita teatralizada na Ponte Ledesma


A actividade, organizada polos Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces, recreou a batalla do 9 de marzo de 1809 contra as tropas napoleónicas

Preto dun cento de persoas acudiron  á primeira visita teatralizada na Ponte Ledesma. Esta actividade, organizada polos Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces, recreou a época da batalla que tivo lugar neste enclave histórico, na que a veciñanza foi quen de deter o avance das tropas napoleónicas o 9 de marzo de 1809.

Para realizar este percorrido, os asistentes contaron co historiador e guía turístico Suso Martínez. O punto de encontro foi o Campo do Río. Alí,º o Capitán do Armamento Popular de Trasdeza, Benito Martínez, resucitou para rememorar ante todos os presentes a dura batalla que se librou no lugar.

Así, o militar realizou un percorrido con detalle sobre o histórico episodio que, ao mesmo tempo, supón a orixe do tradicional Entroido dos Xenerais da Ulla. Durante a súa exposición, o Benito Martínez lembrou como arredor de 2.000 veciños e veciñas da contorna, dirixidos polo Xefe Militar da Xunta de Trasdeza, Gregorio Martínez, lograron deter, aínda que fose temporalmente, o avance das tropas napoleónicas armados con trabucos e apeiros de labranza.

Un fito histórico que ocorreu hai 209 anos. Con estas visitas teatralizadas preténdese rememorar a afouteza e determinación dunha veciñanza que foi quen de vencer ao exército armado napoleónico durante a Guerra da Independencia.

Próxima visita teatralizada, o 10 de marzo

Para aquelas persoas que non puideron achegarse este domingo a Ponte Ledesma terán outra oportunidade o próximo sábado, día 10 de marzo ás 12.00 horas. Esta visita teatralizada é de carácter gratuíto, pero require inscrición previa ben no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com), ben no de Vila de Cruces (chamando ao 986 582 017 ou enviando un correo electrónico a concellodeviladecruces@gmail.com). O prazo para inscribirse á actividade conclúe o 9 de marzo.